Luis García Torres, así facíase chamar o madeiro infiltrado que durante un ano espiou aos distintos ambientes radicais da cidade de Sevilla. Desenmascarado a principios deste mes polos que crían ser os seus amigos, tras unha longa lista de metidas de pata, Luis desaparece definitivamente cando un coche patrulla aparece repentinamente para levalo detido xusto no momento no que se lle requerían probas de que realmente era quen dicía ser. Curioso caso de “deus ex machina” que resolveu “in extremis” o aperto no que os seus compañeiros de militancia o estaban a situar ao pedirlle que lles amosase o piso no que dicía vivir.
Pois este suxeito, utilizando como plataforma de entrada o 15 M, conseguira relacionarse con diversos movementos sociais da cidade, principalmente de tendencia anarquista, onde sempre propoñía as ideas máis desatinadas e violentas. Curiosamente en varias ocasións aparecía sorpresivamente a policía antes de que se puidesen realizar as accións nas que ía participar, que nalgún caso remataban con detencións.
Non é a primeira vez que se coñece o traizoeiro labor dun infiltrado no estado español, agora vénnos á mente o caso de Fernando, que a través da Cruz Negra Anarquista acabou por provocar numerosas detencións no ámbito do PC(r)- GRAPO (aínda que, evidentemente, o caso agora coñecido é infinitamente máis chafalleiro); pero é que a alegre e despreocupada espontaneidade do 15 M, onde case ninguén ten pasado militante e calquera pode aparecer da nada dicindo cousas raras, facilita enormemente a infiltración de elementos policiais. Este foi o caso Sevillano, pero seguramente abunden os “Luisitos” ao longo e ancho do estado. Non se trata de volverse paranoico, a maioría das sospeitas non serven senon para xerar inxustas situacións, pero se constata agora un feito que cada vez está máis á orde do día (máis casos de infiltracións ao redor do mundo neste blog aquí e aquí).
Aquí tedes a Luis, por se o vedes queredes preguntarlle pola súa trepidante vida “ao servizo da súa maxestade”.
Articulo elaborado por C.R. con información de:
-Infopunt (aquí)
-Kaosen la red (aquí)
-Bipolaridad y otros dones (aquí)
-El becario en bici (aquí)